Tuesday, May 14, 2013

Reseña crítica: Cidade Atlántica e organización territorial en Galicia.

Arco Atlántico
Interesante reflexión de Carlos Ferrás e de Xosé M. Souto sobre a concepción de Galicia como unha cidade atlántica.
De como Galicia pasou de ser un enclave rural e atrasado, onde a emigración era a tónica diaria, a ser unha rexión desenrolada e urbana; con desequilibrios evidentemente, pero ao fin e ao cabo, enmarcada dentro de Europa.
Para dar a entender esta nova concepción da Galicia urbana e policéntrica, os autores amósannos dúas hipóteses de evolución da paisaxe e dos asentamentos; unha primeira na que os fluxos de poboación se concentraban ordenados polo poder socioeconómico establecido e unha segunda hipótese, máis actual e presente, afirma que a rexión galega se move coa terra como valor de cambio.
Remarcar un pouco o interese que ten para o lector a importancia da transformación que sobre o país entre a década dos 60 ata chegar ao século XXI; un período fundamental para intentar entender a idea que nos intentan transmitir os autores; un ideal de cambio e modernización que sobre Galicia ao longo dese período, que fai que se vaia deixando atrás a visión da comunidade como unha área marxinal, rural e atrasada.
Afirman os autores que "... esta imaxe deixou de ser real." Penso que este plantexamento é totalmente acertado, de como se pode entender a nova sociedade galega, da tecnoloxía e da información; que deixou atrás o pasado emigrante e de pobreza endémica.
Destaco o plantexamento de que como pobo atlántico fomos privados da organización entorno á entidade parroquial; non como ocorre en comunidades atlánticas como as freguesías portuguesas, que teñen certas concesións dentro dos concellos que as encerran.
Así pois, Galicia deixa de ser rural para dar paso a un sistema policéntrico de sete cidades, con áreas rurais novamente poboadas pola clase media, facendo xurdir áreas periféricas entorno ás cidades que albergan novas formas de vida máis urbanas que rurais; é o caso de concellos como Ames, Teo, Oleiros ou San Cibrao das Viñas.
Ao mesmo tempo, no ano da publicación deste artigo, no 2002, o país experimenta movementos de inmigración e de aumento do padrón de cidades e vilas; motivado pola chegada de emigrantes retornados e inmigrantes doutros países. Todos estes novas paradigmas sociais converxen coas políticas locais, comarcais, da España e da Unión Europea; que de ser ben aproveitadas levarán a Galicia a ser un verxel do século XXI.
Acertadísima ligazón se fai de Galicia coas principais rexións atlánticas. Irlanda, Portugal ou Gales, son áreas e territorios cos que compartimos afinidade; tal e como afirma o profesor de filoloxía na UDC de orixe escocesa: "Galicia e Irlanda están unidas por una afinidad atlántica".
Estou totalmente de acordo co plantexamento de Galicia como cidade aberta e conformada por un sistema de asentamentos e núcleos urbanos xerarquizados e complementarios. É indispensable para entender a comunidade como un territorio atlántico contar co feito dos milleiros de asentamentos, da nosa cultura e do noso facer secular.
Reivindicando esta idea de comunidade atlántica poderemos converxer e facer consensuar na nosa sociedade que somos un complexo interrelacionado entre si que aspira a ser referente mundial na área do Océano Atlántico, como o foi Irlanda no seu día, e intentando evitar tamén o desprazamento do movemento de poder económico e social cara outras áreas do planeta como pode ser o Pacífico.
Este artigo invítanos amablemente a facer unha reflexión de futuro sobre que queremos ser e cara onde queremos ir como pobo e sociedade do mundo globalizado. Se queremos un modelo de sumisión coma o que temos, onde vendemos os nosos recursos ao mellor postor; ou se aspiramos a ser un país urbano policéntrico, ecolóxico e sostible, dono e señor dos seus recursos e valedor do saber facer endóxeno.
Non podemos esquecer quen somos e de onde vimos, volvemos unha e outra vez cara ese carácter atlántico. Moitas veces na reivindicamos o noso carácter latino, e digo eu, non será máis acertado reivindicar un carácter atlántico europeo? Un carácter forxado durante séculos de cara o mar e de espaldas ao país que nos illou durante centos de anos.
Así é como logo de ler e reflexionar sobre este artigo de Ferrás e Souto, se albisca como o xermolo dunha idea de Galicia utópica atlántica pode existir. Que cal é a principal traba? Saber como superar ese pequeno atranco que xorde, a palabra utopía. O idealismo e o inalcanzable deben botarse abaixo dende a educación en valores socioeconómicos da terra ás novas xeracións.
Se en realidade queremos, como afirma coherentemente o artigo, unha Galicia do século XXI urbana, atlántica e exemplar; temos que deixar atrás as vellas concepcións de atraso e ruralidade analfabeta que nos marcan o devir diario.
Quizais que a semente estea xa na sociedade, fai falta a terra que a faga xerminar. Temos exemplos de como    algunhas empresas galegas xa empezan a reivindicar o lado atlántico da Galicia. É o caso das Xenebras Nordés, que te invitan a explorar o lado máis salvaxe e atlántico de Galicia; exemplo de que tradición e innovación pode camiñar xuntas da man.

As miñas fontes son:

1. Innisfree, un blog sobre Irlanda. Galicia e Irlanda unidas por afinidad atlántica. [ Enlace ao blog ]
2. Vinos con Gusto. Ginebra Nordés, Atlántica y salvaje. [ Enlace ao artigo ]
3. A mobilidade laboral diaria: Contrastes no Eixo Atlántico. M. Pazos Otón e Mª Pilar Alonso Logroño [ Enlace ao artigo ].





2 comments:

  1. Dende o meu punto de vista para chegar ata ese punto queda moitísimo que facer eh! jajaja

    ReplyDelete
  2. Tiven a oportunidade de botarlle unha ollada ao artigo e gustoume moito a coomparación que fai con Irlanad de Galicia.

    ReplyDelete