Friday, February 22, 2013

Policentrismo urbano e axuste do sistema de cidades en Galicia (Reseña crítica)

Densidade de Galicia por parroquias

- Policentrismo urbano y ajuste del sistema de ciudades en Galicia. Andrés Precedo Ledo | Alberto Míguez Iglesias. Xeográfica, Revista de Xeografía, Territorio e Medio Ambiente. Nº7 2007.

Publicado ano 2007, este artigo tenta abordar a situación actual e o porvir dos sistemas urbanos de Galicia. Escrito por Precedo e Míguez, catedrático e doutor en xeografía, tentan amosarnos a súa visión entendida da composición urbana.
Este artigo de corte xeográfico rexional intenta achegarnos unha idea de como entender a dinámica urbana galega. Unha dinámica cuxas bases se asentan na concepción do policentrismo.
Á vez que este concepto pode supor unhas vantaxes importantes para a rexión, tamén debe enfrontar un certo caos urbano creado pola falta de planificación e a especulación urbanística.
Engádese a reflexión dunha Galicia conservadora, pouco aberta a novos cambios e cun sistema de asentamentos de gran tradición secular.
É por iso que cada unha das sete cidades galegas, en especial as máis dinámicas (A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), contan cuns axentes creadores de futuro, que se son explotados da maneira óptima situarán a Galicia como unha rexión de cidades medias globais.
Claro está que os autores observan un fenómeno común ás urbes galegas, que se manifesta claramente. Sen embargo é preciso aclarar que a Galicia urbana hoxe en día xa non só se limita ás 4 capitais provincias, Santiago, Ferrol e Vigo; senón que pouco a pouco foi absorbendo e creando nodos e redes urbanas que se estenden máis alá das chamadas áreas metropolitanas (Vilas como Carballo, Verín, Xinzo ou Lalín). Segundo o IGE tan só o 35% da poboación galega reside en municipios rurais, é dicir,  algo máis de 950 mil habitantes, polo tanto, temos máis de 1,7 millóns de habitantes urbanos. 
Penso que se falamos de área metropolitana abarcamos tamén o concepto de rural, pois mesmo dentro das nosas áreas metropolitanas temos zonas onde o urbano e o rural se funden. Entón, porque os autores se centran en alabar os grandes hitos demográficos e económicos das cidades do Eixo Atlántico? Temos que falar dunha Galicia urbana continua, e non pararnos a gabar o grande que foi, é e serán as cidades portuarias galegas e a cultura da cidade do Apóstolo.
Se Galicia ten as raíces nun pasado rural, non podemos obviar entón ese pasado e facer que o crecemento urbano olle cara horizontes exteriores, cando temos un tecido produtivo infravalorado, falamos do gran potencial agrícola, enerxético e forestal que comunidades como Navarra ou países como Suecia souperon aproveitar e nós aínda non.
No meu parecer as ideas aportadas no artigo pecan un pouco de euforia. Ben certo é que o potencial está aí e non se pode eludir, e tampouco se pode esconder o relativo trunfo dos sistemas económicos nos que se asenta o Eixo Atlántico, pero o modelo que os autores nos intentan presentar esquécese de que se a Galicia metropolitana prospera é grazas ás cabeceiras comarcais, vilas medias e pequenos municipios que a costa de sangrar os seus censos nutren a vitalidade das áreas viguesa, coruñesa e santiaguesa. 
Se unicamente nos preocupamos por manter o poderío do eixo da AP - 9 e permitimos que a Galicia urbana do interior siga a baleirarse e a crear vistas negativas que nos reserva o futuro?
Os criterios de delimitación das dúas rexións metropolitanas que se nos propoñen teñen base morfolóxica (portos), funcionais (servizos á poboación), económicos (crean aproximadamente o 60% da riqueza galega) e demográficos (Aglutinan un millón de almas). Ben certo é que a realidade está a vista e que as áreas de Vigo e A Coruña son puxantes. 
Pero seguirán a ser poderosas se só fomentamos un urbano galego bicéfalo? Con dúas provincias baleiras no interior, e un rural podre e sen futuro?
Faise evidente a necesidade de planificar un desenrolo urbano vital. Pero pode que este artigo non invente o modelo máis correcto para nós.
Porque non aproveitamos as posibilidades que nos está a ofrecer a III Revolución Industrial? A revolución da comunicación, a revolución que supera o espazo, que fai desaparecer as distancias.
Porque non crear unha rede de cidades e vilas aínda máis potente da que temos? Aproveitando os recursos endóxenos e proxectándoos cun carácter esóxeno...
Certo é que temos un sistema urbano peculiar, como ben acertan os autores, pero son as conclusións achegadas, dende un punto de vista equilibrado, non se acordan de que a realidade das nosas cidades e vilas non se entende tan só en tres núcleos.


Estendendo a mancha urbana e semiurbana pode ser posible superar os problemas demográficos que nos están a hipotecar o futuro. Ou non rexurdiron Ávila, Segovia ou Guadalaxara grazas á extensión da influencia madrileña? 
Porque non crear unha única e gran área metropolitana en Galicia que englobe gran parte do territorio? Aproveitando ao máximo as infinitas e infravaloradas posibilidades que temos.
Como ben dixo o presidente dos EEUU B. Obama “Aprovechemos el sol, los vientos y la tierra para hacer funcionar coches y fábricas”. En definitiva, fagamos furrular o país como unha entidade única e viva.
Porque non comezar a falar tamén de urbanismo sostible? 

As miñas fontes proceden:

1. Instituto Galego de Estatítica (IGE)
2. El Sistema Urbano en España. Josep Roca Cladera, Montserrat Moix Bergadà e Blanca Arellano Ramos. 2012. [ Enlace ao artigo ]
3. Artigo de Galicia Confidencial [ Enlace ao artigo ]

7 comments:

  1. Claro, curto pero conciso. Moi ben traballado, creo que tes toda a razón, Galiza precisa unirse e camiñar xunta na mesma marcha, non a distintas velocidades.

    ReplyDelete
  2. estou dacordo co que nos expós aqui, Galicia ten moitos recursos pero o problema e que non os aproveitamos como poderíamos facelo..

    ReplyDelete
  3. Creo que esta é unha moi boa crítica ao centralismo e a destrucción de recursos económicos e paisaxísticos que pretenden facer coa nosa Galiza.
    Dende décadas adicáronse a destruír a paisaxe natural de innumerables zonas preto das grandes urbes para o beneficio de grandes empresas, véxase por exemplo o caso do Berbés onde o mar chegaba ata os soportais das antigas casas da zona e agora lle ganaron terreo para construír empresas e centros comerciais.
    Creo que gozamos dunha terra de innumerables riquezas que sendo aproveitadas de maneira sostible beneficiaría a maior parte do territorio facendonos moito menos dependentes de productos de importación, pero para lograr todo eso hai que mirar cara o interior, cara esas zonas que cada vez están mais despoboadas e caendo no abandono.

    ReplyDelete
  4. Moi go artigo. Se algo caracteriza a Galiza é o espallada que está; non só polo mundo, tamén dentro de sí mesma. Faltanos unificación e aproveitamento do que temos.

    ReplyDelete
  5. Moi interesante visión crítica. Pero se Galicia non é policéntrica que pode ser?

    Se pensamos nunha grande cidade tipo Barcelona que acontecería? seguiriamos a ser galegos?

    ReplyDelete
    Replies
    1. Pois como bo galego que son respóndoche cunha pregunta, deixaron os cataláns de ser cataláns ao ter só unha gran cidade?
      Eu penso que o modelo catalán reforzou o Cataluña e creou sinerxias positivas que evitaron o suicidio demográfico galego. E a inxente cantidade de inmigrantes que acolleu a comunidade tampouco tirou abaixo ningún idiosicrasia. Estaría ben analizar o modelo catalán. Agora ben, non se pode aplicar a Galicia calquera modelo, sería cuestión de ollar dende dentro para fóra e non como facemos agora, da fóra pra dentro, Madrid ordena e Galicia obedece.

      Delete
  6. Moi boa reseña meu!

    ReplyDelete